Diana Fajardo Fotografía

O obstetra francés Michel Odent afirmaba que para mudar o mundo, primeiro hai que mudar a forma de nacer. Con esta idea defendía que un nacemento respectado e humanizado é a base dunha sociedade máis empática e pacífica, xa que a maneira na que recibimos os novos seres humanos inflúe decisivamente no seu futuro e no de todas e todos nós.

As imaxes froito deste proxecto audiovisual convidan a mirar o parto sen medo nin espectáculo, como un proceso íntimo e poderoso. Un espazo para reflexionar sobre o coidado, a dignidade e a importancia de comezar a vida desde o respecto. 

Este proxecto non sería posible sen o traballo incansable da matrona Silvia Álvaro, da directora dos Museos da Coruña Patricia Barciela e da cineasta Sandra Gómez, comprometidas coa necesidade de mudar a imaxe social do nacemento e de achegar ás cativas e cativos unha visión máis consciente, respectuosa e libre de medo sobre como chegamos ao mundo.

Neste vídeo pódese observar como este bebé nace con dúas voltas e un nó no cordón umbilical, unha situación que adoita utilizarse para xerar medo arredor do parto. Con todo, as imaxes amosan como, cunha atención respectuosa, atenta e profesional, este feito non deixa de ser unha anécdota, resolta con calma e sen intervencións innecesarias.

O vídeo convida a reflexionar sobre a importancia de confiar nos procesos fisiolóxicos e nun acompañamento baseado no coidado, na observación e no respecto polos tempos do nacemento, afastado do alarmismo e da intervención sistemática.

Podes ver o vídeo do parto na Domus (Calle Ángel Rebollo 91. 15002 A Coruña)
Parto de la Domus
Parto de la Domus
Parto de la Domus