Este non é un traballo fotográfico sobre o cancro de mama.
Este proxecto xorde desde a observación da indefensión estrutural das mulleres no sistema sanitario, polo propio feito de ser mulleres.
A ciencia e a investigación non dirixen o foco cara aos nosos corpos. Desde os primeiros síntomas, tárdase entre 7 e 12 anos en diagnosticar a endometriose.
Os erros de diagnose nos infartos en mulleres son moito máis altos porque os síntomas, diferentes aos dos homes, non están estudados en nós.
Non foi até 1998 que a uróloga Helen O’Connell fixo o primeiro diagrama completo do clítoris.
Prodúcense diagnoses tardías en distintas patoloxías por ignorar a nosa sintomatoloxía e o noso malestar.
Violencia obstétrica.
Presión estética por riba do noso benestar. A pesar do noso benestar. Con cancro, embarazadas, ou porque si, o noso corpo mostra a valía da nosa persoa.
Neste proxecto, de só 13 historias, hai diagnoses tardías porque se malinterpretou o noso cansazo. Hai culpabilización por subir de peso por parte do persoal sanitario. Hai toda unha violencia patriarcal estructural que o sostén. Porque o que nos pasa é político. Porque non é mala sorte dunha muller nin son casos illados, pásanos a todas en diferentes procesos médicos.
Por iso, o cancro é so un tema polo que comenzar, un fío do que tirar e expoñer as nosas vivencias. Para tentar contribuír a concienciármonos e empoderármonos. O cancro de mama exemplifica esta agresividade e paternalismo do sistema porque é unha doenza eminentemente feminina, e porque inclúe unha vertente estética, na que se presupón que as mulleres nos sentimos especialmente identificadas. E, por iso, teoricamente para protexernos e axudarnos, dísenos como debe ser o corpo dunha muller, polo si ou polo non, colocándonos nunha posición estética que nunca se pensaría cando faltan outras partes do corpo por motivos médicos.
A mensaxe pública que se ofrece sobre o cancro de mama tamén é significativa: alén da retórica bélica das loitadoras e guerreiras que acompaña o cancro en xeral, o de mama é rosa, téntase asociar á beleza e delicadeza que, na realidade, nada teñen que ver con estes procesos. Como se as doenzas das mulleres non puidesen ser só iso, doenzas, e tratarse só como tal, procurando a recuperación médica e o apoio, tamén psicolóxico, desde o que precise cada paciente.
Este proxecto foi galardonado no VII Premio “Luísa Villalta” a proxectos pola igualdade da Deputación da Coruña.




















